Arranca a terceira edición do Programa Integrado de Emprego "Empregamarín", que se presentou onte, día 17 de outubro, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa, María Ramallo, o director xeral de Orientación e Promoción laboral, José Alfonso Marnotes e o xefe territorial deste departamento da Xunta, Ignacio Rial.
Para a execución da edición 2016/2017 do programa Empregamarín III o Concello de Marín previu un orzamento por importe de 114.844,48 euros, dos cales 94.172,48 euros están subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e os 20.672 restantes pertencen a fondos do propios Concello.
O programa contará cun total de 60 participantes, sendo os colectivos aos que vai dirixido:- Menores de 30 anos.
- Persoas perceptoras de prestacións (subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI).
- Persoas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (PREPARA).
Todas elas incritas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego de Galicia.
O proceso de selección para formar parte deste programa de emprego, levouse a cabo os meses de setembro e outubro. A finalidade última do Empregamarín III é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
Este programa, dirixido á mellora da ocupabilidad e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego, contempla a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica ou formación para a igualdade.
No ámbito formativo, o programa contará nesta terceira edición con accións para a adquisición de aptitudes profesionais en especialidades como Mecanizado e elaboración de pezas de carpintería; Actividades auxiliares de almacén; Operacións básicas de cociña e Operacións básicas de comercio.
Ademais, como nas edicións anteriores, os participantes contarán coa posibilidade de desenvolver un curso de alfabetización informática e de preparar os exames libres da ESO.
O programa dinamízase a través do Axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Marín.

